No pasado mes de maio o alumnado de 3º, 4º, 5º e 6º de educación primaria foron de excursión ás Rías Baixas, concretamente a O Grove. Saímos ás 09:30 da mañá para estar no porto de esta localidade ás 11h, xa que alí nos estaba a agardar un barco para ir a ver unha batea e que nos explicaran como se cultivan os mexilóns, que son unha Denominación de Orixe Protexida, o que significa que está recoñecido e amparado pola Unión Europea como un produto de calidade superior e que todo o proceso, desde a cría nas bateas ata a súa depuración e envasado, realízase estritamente nas costas de Galicia.

Chegamos ao medio da ría de Arousa e dende a parte baixa da embarcación puidemos observar a través dun cristal subacuático como é unha batea pola parte sumerxida. Tamén nos explicaron como é o proceso de sementado e cría. Unha vez rematada a parte didáctica procedeuse á degustación culinaria deste molusco, amenizada con música animada e acompañados dun día inmellorable.

Logo de arribar ao porto do Grove fumos a buscar un sitio para comer, que xa se sabe que o aire do mar sempre da fame. Chegamos a unha antiga fábrica de salgaduras catalás de Moreiras, que data de 1931 e foi construída sobre unha máis antiga do ano 1790. Neste lugar había paneis explicativos sobre como se levava a cabo este proceso de salgadura para conservar o peixe.

Despois deste "banquete" había que estirar un pouco as pernas así que fumos aunha explanada primeiro onde estiveron a xogar un anaco e a continuación iniciamos unha pequena camiñata para ver algúns dos tesouros que agochan as nosas rías baixas. Hai que dicir que en xeral os alumnos e alumnas están en boa forma. Xa rematando esta pequena andaina chegamos a un parque infantil para volver a xogar e facer un pouco de tempo antes de entrar ao noso último destino do día, o acuario do Grove.

A visita a esta instalación foi guiada por dúas rapazas e un rapaz. Fumos polas diversas vendo a riqueza do noso mar tanto de especies de peixes coma de moluscos e crustáceos. O certo é que fixeron que fose un momento entretido e ademáis pedagóxico. Ao saír xa se notaba que as forzas non eran as mesmas que no comezo e o cansazo era una tónica xeral. Chegou o autobús e marchamos cara o colexio despois dunha xornada entretida e educativa.




