Día do pixama 2026

Día do Pixama

Hoxe, 20 de novembro, con motivo do Día Mundial da Infancia, celebramos no noso centro o Día do Pixama, unha iniciativa solidaria, educativa e lúdica promovida pola Asociación Estatal de Acollemento Familiar (ASEAF), que busca concienciar sobre o dereito de todos os nenos e nenas a medrar nunha familia.

A través desta iniciativa preténdese dar visibilidade á realidade dos nenos, nenas e adolescentes que viven en centros de protección, así como destacar a importancia do acollemento familiar e dun fogar no que medrar con cariño, seguridade e protección.

Por este motivo, o noso alumnado veu ao colexio en pixama e participou en diferentes actividades adaptadas ás distintas idades, coas que reflexionamos sobre os dereitos da infancia, a importancia da familia e o valor de coidar e sentirse coidado.

 

 

O alumnado de 3º e 4º de Educación Primaria participou nunha actividade para compartir recordos e momentos especiais relacionados coas súas familias e persoas máis próximas.

Cada neno e nena trouxo da casa un obxecto cun significado especial, que lle lembraba unha experiencia positiva ou un momento vivido en familia. En pequenos grupos, compartiron cos seus compañeiros e compañeiras as anécdotas, historias e lembranzas relacionadas con eses obxectos.

Unha actividade chea de emocións e recordos que nos permitiu coñecernos un pouquiño mellor e poñer en valor a importancia dos vínculos familiares.